Monday 29 de April de 2024

As alumnas de “Tecendo polo cambio” de Lousame reivindican o traballo da muller na mina cun yarn bombing en San Finx


Tamén colocaron un gorro e unha casuya no busto do Cura de Fruíme

As alumnas do obradoiro “Tecendo polo cambio”, posto en marcha polo Concello de Lousame e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, celebraron esta tarde dúas accións de “yarn bombing”: a primeira no busto co Cura de Fruíme, para poñer en valor a figura de Diego Antonio Cernadas de Castro, e a segunda nas minas de San Finx, para chamar a atención sobre o papel xogado polas mulleres de Lousame na extracción do wolframio, algunhas delas presentes hoxe.

Ao acto asistiron a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo; a secretaria técnica do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Carmen Novás; e a tecedora de Lousame, Socorro Vázquez, encargada de impartir as clases e dirixir o proxecto. Villaverde Pais agradeceu a iniciativa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xa que “é moi importante que os adultos falemos de igualdade e cooperación, dous temas moi vixentes que dende o Concello tratamos especialmente cos nenos e nenas do colexio, cando son cousas interxeracionais, pois se trata de respectar ás persoas”.

Pola súa banda, Carmen Novás salientou a boa acollida desta experiencia piloto que, tras o éxito acadado en Lousame, trasladarase a outros municipios galegos. “Tratouse de reivindicar a figura do Cura de Fruíme, que tanto fixo por esta parroquia, e poñer en valor o traballo das mulleres nas minas, en conexión coa explotación que moitas delas sofren noutros países”, apuntou Novás.

Yarn Bombing

Así, a primeira acción tivo lugar no adro da igrexa de Fruíme, onde adornaron o busto de Diego Antonio Cernadas de Castro cun gorro e unha casuya de calceta. Esta acción, que pretende ser un recoñecemento á Cura de Fruíme polo seu papel dinamización e formativo na parroquia, foi a proposta inicial do obradoiro.

A segunda acción, nas minas de San Finx, xurdiu durante o debate das alumnas na clase. Tras unha visita guiada ao museo, da man de Mayte Sobradelo, técnica municipal, as participantes escoitaron as experiencias dalgunhas veciñas que traballaron nas minas, que relataron as súas experiencias, e colocaron unha bufanda con diferentes cores e distintos estilos de calceta onda o primeiro pozo das minas de San Finx.

‘Tecendo polo cambio’ encádrase no Plan de activades 2016 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, cofinanciado pola Xunta de Galicia. Os obradoiros de calceta levaranse a cabo este ano en tres concellos socios, dos que Lousame foi o primeiro en estrealos. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.